O 1º de Maio é un día para preguntarnos que podemos facer.
O 1º de Maio é un día para a acción.
Transcribimos o texto que difundimos hoxe:
Ola,
Somos todas esas persoas que entran a traballar cando ti saes. As que durante o teu tempo de lecer fan todo o posible por darche un bo servizo, por facer un traballo de calidade, por recibirte cun sorriso. Servimos comidas. Fregamos pratos. Limpamos habitacións de hotel e bares. Poñemos copas. Facémosche o check-in. Cargamos equipaxes. Provemos aos restaurantes. Cociñamos para ti.
Somos as traballadoras e traballadores da hostalería de Compostela. E precisamos da túa axuda para poder seguir facendo o noso labor nunhas condicións dignas e coa calidade que ti, cliente ou clienta, pides e mereces.
Probablemente esteas recibindo esta nota de man dunha persoa que non traballa no sector, pero que apoia unha hostalería sen explotación; isto é así porque nós estamos traballando ou porque aínda é moi probable que nos custe o posto falar abertamente deste tema. Quizais sexa esta unha das primeiras barreiras a derrubar para unha hostalería digna. Agora mesmo, a túa implicación é un escudo para nós!
Hoxe é festivo para a maioría de vós. Cando remate a mani pode que vaias tomar algo. Para nós, o Día do Traballo (ou calquera festivo ou fin de semana) é máis ben o do Exceso de Traballo: non chegan as mans, todo vén ao mesmo tempo e todo o mundo quere todo para xa; cortámonos, queimámonos e golpeámonos máis que calquera día normal; facemos horas que nunca imos cobrar mentres corremos o dobre para sacar o traballo. Ao final da xornada, as pernas fallan, e volvemos a casa co corpo feito puré e cheirando a suor e fritura. Pode que paremos a tomar unha copa para matar o estrés e poder durmir ao chegar a casa. Nese bar, hai outra persoa igual de cansada, pero que nos recibe cun sorriso.
É evidente que o sector hostaleiro é un dos motores da cidade, e así falan del os medios e as institucións. Do que nunca se fala é do detalle, da cloaca do sector. A turistificación, a estacionalidade, o perfil social, económico e cultural das persoas que traballan na hostalería, a precariedade dos postos de traballo (coon contratos de 4 ou 5 meses que case nunca cobren toda a xornada real, é dicir, moitas horas en negro), a total insuficiencia dos recursos públicos para controlar as irregularidades, as xorandas que se alongan moito máis alá do horario legal do establecemento e do humanamente soportable, a enorme dificultade que os nosos horarios supoñen para organizarnos politicamente, a falta de tempo libre e de descanso (normalmente só temos un día á semana), o incumprimento sistemático do convenio colectivo, as ameazas dos propietarios ante a mínima queixa, os atrasos nos cobros…
Que podes facer ti, cliente ou clienta, para combater estes e outros efectos negativos?
-Non consumas nos locais onde sabes ou intúes que hai explotación e socializa e denuncia as situacións deste tipo das que teñas constancia: quen traballa non pode facelo con tanta liberdade coma ti. Pode custarnos o emprego e hai moito medo e moitísima precariedade.
-Os días de folga ou hoxe, 1º de maio, non consumas. Na práctica, a túa presenza nos locais imposibilita o noso dereito a reivindicar calquera cousa. O dereito á folga neste sector é un pouco coma as meigas: “habelas, hainas… pero eu nunca as vin”.
-Respecta o noso descanso: fíxate nos horarios do local antes de entrar, e se ves que se achega a hora de peche ou que estades sos no local con todo o persoal mirando para vós… marcha, por favor. Non sexas “pechabares”! ;- Pensa que non podemos rematar o traballo ata que non estamos sos, e case nunca cobramos ese tempo extra.
-Fíxate en nós. Cando pensamos que ninguén nos ve, quitamos a “cara de servizo” e deixamos ver a realidade. Se nos ves rosmando, chistando, maltratando a louza, calando de pronto cando aparece o xefe, ou mesmo se non somos todo o amables que desexarías… sinal que algo non vai ben. Fala con aquelas persoas do gremio coas que teñas certa confianza. Entérate das súas situacións laborais. Pregúntalles que podes facer. E tenta ir sempre de abaixo para arriba. Comentar algunhas cousas cos encargados ou xefes pode traernos máis problemas dos que xa temos.
-Se amable e educad@: di grazas e por favor; se o servizo foi bo, fáinolo saber. Se tes queixa, faina de xeito construtico e mellor á cara que por redes.
-Colabora con nós! Se pensas que isto é unha boa idea e queres aportar, traballes ou non na hostalería, non dubides en contactar con nós. Podes atoparnos no FB (Hostelería sin explotación) ou mandarnos un mail a hostaleriasinexplotacion@gmail.com